Monday 20 de May de 2024

Continúa o campamento de conciliación na Pobra con diversas actividades


Un total de 40 crianzas participan actualmente no campamento de conciliación posto en marcha no C.E.P. Salustiano Rey Eiras por parte da Concellería de Igualdade do Concello da Pobra do Caramiñal. Dito servizo funciona durante todo o verán e prolongarase ata o inicio do curso escolar. Ademais, contempla o Plan Madruga e comedor para dar maiores facilidades ás familias usuarias.
Xunto coas cinco monitoras e coordinador, os nenos e nenas, con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos, desenvolven diversas actividades con vertente educativa e lúdica adaptadas a cada rango de idade: circo, manualidades, exercicio, charlas, etcétera. Así, cada semana traballan nun tema en concreto, abordando estes días as Olimpíadas. Do mesmo xeito, na xornada de onte afanáronse nunhas accións propostas pola área de Medio Ambiente con motivo do programa Praias sen fume, da Xunta de Galicia.

Por outra banda, a maior parte do tempo, sempre que a climatoloxía o permite, atópanse en aularios exteriores para evitar permanecer en espazos pechados por mor do coronavirus. Unicamente se desprazan ao interior do centro educativo para facer uso de Internet e das tablets. Estes 20 dispositivos adquiridos pola Administración local permítelles socializar a través de xogos de mesa e de lóxica, todos eles virtuais.

Cómpre sinalar que, seguindo o protocolo de seguridade establecido por mor da COVID-19, os cativos empregan en todo momento a máscara e manteñen separación.